Friday 16 May 2014

É UN CONTO ANÓNIMO?




BEAUTY AND THE BEAST - A BELA E A BESTA


É UN CONTO ANÓNIMO?

                       

                            NON! Nada máis alonxado da realidade. E é que non conta cunha autoría senón con dúas. Así, así como volo conto...

                            En 1740, unha francesa - MADAME DE VILLENEUVE - escribiu a primeira versión do conto. Dezaséis anos máis tarde (1756), unha compatriota súa - MADAME DE BEAUMONT - escribiría a segunda e máis famosa versión do mesmo.

                             Non hai dispoñible moita información delas, pero imos coñecer un pouquiño de cada unha...



- GABRIELLE-SUZANNE BARBOT DE VILLENEUVE -



                             Naceu en París, en 1695. 

                           Foi moi infeliz, mentres estivo casada cun oficial militar; trala morte del, queda en situación de pobreza. 

                  Tentou ganar diñeiro extra cos seus escritos, que eran novelas históricas e sentimentais.

                    Chega a coñecer a Crébillon Fils, outro escritor de contos de fadas (entre outras cousas), e, polo que se sabe, viviu con el.

                      Aínda que a xente do seu tempo a despachou como mera ama de chaves e amante do seu máis ilustre compañeiro, Villeneuve era, en realidade, a súa compañeira intelectual, e continuaba a escribir ficción ela mesma.

                       Morreu o 29 de decembro de 1755, á idade de 60 anos.

                              
- JEANNE-MARIE LEPRINCE DE BEAUMONT -


                   
                                Naceu en Ruán (Francia), en 1711. 

                               De orixe humilde, perdeu a súa nai, cando tiña só 11 anos, pero escribiu que non lamentou a súa morte. A familia era moi pobre, e varios dos seus irmáns tiveron que ser adoptados, para poder sobrevivir. Jeanne-Marie escribiu que a súa nai tiña sufrido terriblemente, por non ser quen de manter contacto cos seus fillos, ou saber que tiña sido deles; por iso, Jeanne-Marie, sendo unha nena, intuiu que a morte da súa nai era unha bendición, para ela.

                              De 1725 a 1735, deu clases a nenos pequenos, en Ernemont (a unhas dez millas de Ruán).

                              Posteriormente, comezou o seu traballo, na corte do duque de Lorena, Stanisław Leszczyńskien, en Lunèville. Foi institutriz e dama de compaña, e obtivo gran prestixio como profesora de canto dos nenos da corte. 

                      Abandona o seu emprego, para casarse -en 1743- con Grimard de Beaumont. O duque entregoulle unha dote moi xenerosa, para que "casara ben". Porén, o casamento resulta un desastre, e, ademais, o seu home estraga, en pouco tiempo, a dote que lle tiña entregado o duque de Lorena: primeiro, pagando as súas antigas débedas, e, máis tarde, na merca dun hotel. No hotel, dába festas salvaxes, que desfrutaba na compaña de personaxes de mala reputación, até  que acabou por contraer unha enfermidade de transmisión sexual, debido ao seu estilo de vida. Dous anos despois de casar, o seu matrimonio sería declarado nulo. 

                     Decide, en 1746, instalarse en Londres, onde traballa como ama de chaves, e recupera a súa faceta como escritora -que tiña arrancado, xa, nos seus anos de xuventude-. É na cidade do Támesis onde funda un xornal,  para xoves, no que trata temas literarios e científicos. 

                        Ao longo da súa carreira literaria, escribiu máis de setenta libros, entre eles novelas como "O Triunfo da Verdade" (1748); pero, o recoñecemento lle chegou polos seus libros de contos, entre o que cabe destacar "O Almacén dos Nenos"(1757), no que aparece, por primeira vez, o seu conto de fadas máis coñecido: "A Bela e a Besta". 

                  Volveuse casar, e tivo seis fillos. 

                 Xa, en 1776, regresou a Francia, concretamente a Saboia, onde pasou os derradeiros anos da súa vida. Morre en 1780, con 69 anos.



EN QUE SE DIFERENZAN AS SÚAS VERSIÓNS?

                    A VERSIÓN ORIXINAL DE VILLENEUVE é moito máis extensa cá de Beaumont. En case 400 páxinas, Villeneuve explica moitos detalles que Beaumont omite. Principalmente, todo o trasfondo familiar, tanto de Bela como do Príncipe. 

                  Bela é a filla do rei das Illas Felices, e a súa nai é unha fada malvada. A fada pretende matar a Bela, polo que o rei a agocha, facéndoa pasar por un dos doce fillos dun rico comerciante. 

              Pola súa banda, o príncipe perdeu a seu pai sendo moi xoven, e a súa nai, ocupada en guerras para defender o seu reino, púxono ao coidado dunha fada (a nai de Bela). Unha vez que o príncipe é adulto, a fada trata de seducilo, pero ao rechazala este,  convírteno en Besta.


                     Case a metade da historia de Villeneuve céntrase nas guerras entre fadas e reis, e adica longas páxinas á historia das familias de Bela e o príncipe. Tamén, compoñe unha visión do castelo moito máis escura e máxica cá versión máis coñecida. 

                       Aquí, temos a ligazón, para ler a obra:


http://www.tagusbooks.com/leer?isbn=9789872838416


                     BEAUMONT omitiu todo este trasfondo familiar e tráxico, desvencellándose do sentido que Villeneuve lle quixo dar á súa historia: unha áceda crítica á sociedade en que as mulleres eran obrigadas a se casar por conveniencia, sendo algúns daqueles maridos peores que a súa Besta. Eliminando tódolas personaxes secundarias, Beaumont adaptou a historia, baixo os simples arquetipos do conto de fadas, seguindo os mesmos esquemas que outras variantes anteriores da mesma.

                  Esta versión de Beaumont é a que se considera tradicional, e ten sido a máis extendida e coñecida. Tódalas interpretacións, adaptacións e versións posteriores baseáronse na versión de Beaumont, e non, no orixinal de Villeneuve.

No comments:

Post a Comment