Saturday 10 May 2014

ANÁLISE DA OBRA





BEAUTY AND THE BEAST - A BELA E A BESTA

ANÁLISE DA OBRA

1.- IDEAS SUBXACENTES, NO CONTO.

 1.1.- ANIMALIDADE  VS.  ESPIRITUALIDADE?
1.2.- EVOLUCIÓN  DA  BESTA… SÓ  FÍSICA?
1.3.- É  BELA  PERFECTA?

1.3.1..- MADURACIÓN  DE  BELA:  TAREFA  IMPOSIBLE?

1.3.1.1..- SUPERACIÓN  DO  CONFLITO  PAI-NOIVO.
1.3.1.2.- BELA  ESPERTA:  XA,  NON  SE  AMOLDA.
1.3.1.3.- QUE  CHEGA  A  “VER”  BELA?
                        
                        1.4.- GUSTARÍACHE  TER  UN  PAI  COMA  O  DE  BELA?
                        1.5.- EVOLUCIÓN  DA  RELACIÓN  ENTRE  BESTA  E  BELA.
            
2.- O  CAMIÑO  DO  “COÑECEMENTO”.
                        
                        2.1.- SIMBOLISMO  DA  ROSA.
                        2.2.- BELA  E  BESTA,  EN  RELACIÓN  Á  ROSA.
                        2.3.- OS  DOUS  OBXECTOS  MÁXICOS.
                        2.4.- SIGNIFICADO  DA  ESCENA  FINAL.
            


 1.- IDEAS SUBXACENTES, NO CONTO.
            
Segundo Bruno Bettelheim (Psicoanálise dos Contos de Fadas), hai catro elementos típicos, que se repiten en tódalas historias tipo “bela-besta” (animal-noivo):

* Non sabemos como ou por que o noivo foi transformado nun animal.

* O feitizo é, sempre, obra dunha bruxa, madrastra ou fada malvada: é unha muller madura a que fai que os homes teñan a apariencia de animais aos ollos das mozas.
                   
* O pai é a causa de que a heroína se una coa besta –ás veces, obrígaa-.

* A nai, ou non aparece, ou non desempeña, en calquera caso, ningún papel importante, na historia.

Todo CONTO DE FADAS é un espello máxico que reflicte algúns aspectos do noso mundo interior e das etapas necesarias, para PASAR DA INMADUREZ Á MADUREZ TOTAL.


1.1.- ANIMALIDADE  VS.  ESPIRITUALIDADE ?

Cando un comeza ler este conto, sen demasiada reflexión polo medio, si que nos pode dar a sensación de que presenta ambos conceptos –animalidade e espiritualidade- como contrapostos, pero iremos vendo que non é así.

A Bela e a Besta comeza coa visión inmadura que atribúe ao ser humano unha existencia dual: a animal (simbolizada por Besta) e a espiritual (simbolizada por Bela).

No proceso de maduración, estes aspectos artificialmente aillados da nosa personalidade han de chegar a unirse, pois só, así, poderemos acadar a completa autorrealización.

Deste xeito, a unión de Bela coa Besta simboliza a reconciliación dos aspectos espirituais e animais que coexisten, no ser humano, e que, antes, estaban disociados (é dicir, separados).

De feito, no conto, a SEPARACIÓN descríbese como unha ENFERMIDADE, pois, tanto o pai como a Besta, ao estar alonxados de Bela e do que esta representa, chegan case ao bordo da morte.
Ao final, tanto o pai como a Besta recobran a VIDA, grazas ao amor que ela lles profesa.

E Bela CRECE COMO PERSOA –convírtese en ser adulto completo-, cando opta libremente por  deixar a etapa anterior (inmadura), para unirse ao noivo (Besta).

De feito, para que unha parella alcance a felicidade, debe compartir todos os aspectos da vida, estando ambos ao mesmo nivel. É difícil acadar este obxectivo, ao mesmo tempo, para os dous membros, pero non se pode evitar, se queren acadar a felicidade o un xunto ao outro.



1.2.- EVOLUCIÓN  DA  BESTA… SÓ  FÍSICA ?



Claro que a Besta evoluciona fisicamente! Pero, esta evolución física, evidente, non é senón un símbolo da verdadeira evolución interior, a nivel espiritual.

No caso da Besta, descríbese o desenvolvemento dun amor primitivo, egoísta e agresivo cara outro completo,  necesario nunha RELACIÓN AMOROSA LIBREMENTE ELIXIDA.

Besta foi, sempre, XENEROSO, NO MATERIAL, pero, debe acabar cos seus INSTINTOS DE CONTROL E POSESIÓN. Se lembramos, Besta, aos comezos, está empeñado en que se cumpra a súa vontade (insiste, unha e outra vez, no casamento), e en posuir a súa parella (Bela non pode saír do castelo).

Ademais, Besta quere deixar de selo, pero SEN ARRISCAR nada (só aporta agasallos materiais, palabras amables…); polo tanto, non é quen de AMAR, o mesmo que ninguén pode sentir AMOR por el –nin sequera Bela-.

Besta necesita e quere ser salvado, pero non está preparado, para iso. Antes, el, por si mesmo, debe dar un paso decisivo.

Por fortuna, COMPRENDE, á fin, que o AMOR VERDADEIRO é xeneroso, tamén, a nivel espiritual: implica PACIENCIA, CONFIANZA, RISCO PERSOAL e, ante todo, LIBERDADE.

Besta tarda un pouco en amosar estas virtudes (non o fai, até case a fin do libro), pero, cando se decide…Vaia se demostra o seu AMOR! Vexámolo:

* Besta LIBERA a Bela das súas ataduras, para que poida ser a DONA do seu propio DESTINO.

* CONFÍA na súa promesa, sen máis garantía que a palabra da que fora a súa cautiva.

* ARRÍSCASE. Que máis valioso pode arriscar unha persoa que o seu corazón e a súa propia vida?

* É PACIENTE. Cando Bela se retrasa, nin sequera a chama ou a vai buscar. Dálle tempo, para  reflexionar e tomar as súas propias decisións, aínda a risco de que chegue demasiado tarde. Que diferente da Besta que, cada noite, volvía sobre a carga, acosando a Bela coas súas peticións de matrimonio!

E, así, sendo, á fin,  quen de AMAR, pasa a ser merecedor e receptor, á súa vez, de AMOR.

Non é outra cousa ca este AMOR auténtico de Besta, dado SEN MEDIDA, aquilo que o SALVA.



1.3.- É  BELA  PERFECTA ?



Definitivamente, non!

Bela é fermosa, intelixente (“gusta de ler bos libros”), optimista, traballadora, valente, nobre de corazón, leal, xenerosa e cariñosa. Por que dicimos, entón, que non é perfecta?

Bela é todo o anterior e máis aínda, pero…

* Mantén un VENCELLO INFANTIL -que a mantén ligada a seu pai e a todo o que lle resulta coñecido: casa, familia-, que NON A DEIXA EVOLUCIONAR ao seu papel de adulta.




* AMÓLDASE, sempre, ás necesidades dos demais. NON é PROTAGONISTA do seu DESTINO. Amóldase, cando deben pasar á pobreza; amóldase, cando debe ir ao castelo, a morrer; e amóldase, cando vive, no castelo, segundo as normas que impoñe a Besta.

* NON É QUEN DE VER TRALAS APARIENCIAS.

De aí que, por unha banda, sexa extremadamente inxenua e inocente.

Non percibe o perigo de se fiar das súas irmás, a pesar das súas abondosas mostras de desafecto e falsedade; polo tanto, non é quen de se protexer a si mesma, nin de protexer aos seus seres queridos –neste caso, a seu pai e á Besta-, como correspondería a un adulto ben formado.

E lembremos que tampouco “captou” a verdadeira natureza dos pretendentes das súas irmás: “Bela contoulle a seu pai da visita dalgúns xentilhomes, na súa ausencia, e que dous deles amaban ás súas irmás.”

Por outra banda, o obvio: non é quen de percibir o que se agocha tralo monstro –non só tralo aspecto exterior senón tampouco tralo seu comportamento-.
        


1.3.1.- MADURACIÓN  DE  BELA:  TAREFA  IMPOSIBLE ?

Non, imposible vemos que non, pero, si, con grandes dificultades. Ao longo do conto, podemos percibir como Bela, non sen traspés –igual que ocorre, na vida real-, vai conseguindo un maior grao de madurez.


 1.3.1.1.- SUPERACIÓN  DO  CONFLITO  PAI-NOIVO (BESTA).


Se lemos, con atención, descubriremos como se amosa o tipo de relación que Bela mantiña co seu pai: “As irmás divertíanse continuamente, e tiñan pretendentes, mentres Bela permañecía, sempre, na casa, dicindo que era demasiado xove, para se casar, e que desexaba quedarse xunto a seu pai, uns anos máis.”

No conto, Bela únese, aos comezos, á Besta, só por amor a seu pai, pero, cando este amor madura, cambia o seu obxecto principal - cousa que, como veremos, non deixa de acarrexar dificultades-.

Sumida no conflito, entre o amor polo seu pai e a necesidade que a Besta ten dela, Bela abandona a esta última, para acodir xunto a seu pai.




Grazas a iso, dáse conta da intensidade real do afecto que sinte pola Besta: símbolo do enfeblecemento da relación co seu pai, e da transferencia do seu AMOR cara a Besta.

Toma claro partido: deixa a súa casa, e regresa xunto á Besta. SUPERA, deste xeito, as LIGAZÓNS EMOCIONAIS e ATADURAS MUNDANAS que NON LLE PERMITÍAN EVOLUCIONAR cara a vida adulta.

Como se resolve o conflito?

Ao final do conto, a Besta fai que o pai vaia vivir con eles ao castelo. Así, afortunadamente, Bela pasa da crenza de que ten que elixir, entre o amor polo seu pai e o amor pola Besta, ao descubrimento de que considerar como antagónicos estes dous afectos comporta unha visión inmadura das cousas.


             1.3.1.2.- BELA  ESPERTA:  XA,  NON  SE  AMOLDA…
            
             Bela vive, no castelo, durante tres meses, seguindo as normas establecidas pola Besta. Tal e como está acostumada a facer, ao longo da súa vida, AMÓLDASE á situación que lle é imposta, e míntese a si mesma, créndose feliz, até que ESPERTA e SE REBELA.

O palazo da Besta, no que todos os desexos de Bela se cumpren inmediatamente, é unha FANTASÍA COMÚN: é rara a persoa que non teña desexado, algunha vez, unha existencia na que non se lle exixa nada, e na que todos os seus desexos se realicen con só pronuncialos.




Ese tipo de vida suxire que a VERDADEIRA CONCIENCIA non forma parte, aínda, da existencia de Bela. O pracer inxenuo é moi diferente do amor maduro, baseado no coñecemento, a experiencia e o sofremento. A sabiduría non se obtén, mediante unha vida de praceres doados.

Pero, ademais, é que o conto de fadas advirte que unha vida semellante, lonxe de ser satisfactoria, convírtese nalgo baleiro e monótono. 

Villeneuve expresa esta idea: "Todo cansa: a maior felicidade vólvese insulsa, cando é continua, cando provén, sempre, das mesmas cousas, e un se atopa exento de temor e de esperanza". 

Isto chega até o punto de que Bela chega a desexar ardentemente as visitas diarias da Besta, que, nun principio, a aterrorizaban.
         
          Unha das mensaxes subxacentes sería, polo tanto, que por moi pracenteira que resulte unha vida chea de INXENUIDADE, trátase, sempre, dunha EXISTENCIA moi BALEIRA, que NON SE DEBE ACEPTAR. A pesar das dificultades que comporta a nova existencia chea de conciencia e calidades humanas que a muller ten que alcanzar, este é o camiño que se debe seguir.

Bela VOLVE á VIDA, cando se entera de que seu pai a necesita. Esta nova altera a non-existencia de Bela; comeza actuar: confésalle á Besta que non é feliz, e que precisa saír do castelo. Á fin, DEIXA DE SE CONFORMAR co que “lle toca vivir”, e convírtese en PROTAGONISTA do seu DESTINO.


1.3.1.3.- QUE  CHEGA  A  “VER”  BELA ?




Bela, aos comezos do conto, sabía a teoría de NON DEIXARSE GUIAR POLO QUE PARECE. Así, na primeira cea que comparten, dille á Besta: ”Hai moitos homes que son máis monstros ca vos, e prefírovos  co voso aspecto a aqueles que, con aspecto de home, agochan un corazón falso, corrompido e ingrato.” “Non se é un bruto, cando un di que cre non ser inxenioso. Un bobo, nunca, diría iso.”

 Bonitas palabras, pero… Ai!, estas ideas non as levaba á práctica. Bela, por desgraza, non era quen de ver tralas apariencias.

EN RELACIÓN ÁS SÚAS IRMÁS, non queda claro, no conto, se, finalmente, chega a coñecelas de verdade, pois o castigo é imposto por unha fada. Ben é certo que Bela non intercede por elas…

Pola contra, NO RELATIVO AOS HOMES DAS SÚAS IRMÁS, si que é certo que, tras vivir coa Besta, de volta ao fogar, pode comparar caracteres e comportamentos masculinos, e dáse conta de que estaba errada, nas súas apreciacións, pois di:”Por que non quixen casar coa Besta? Sería moito máis feliz con el que as miñas irmás cos seus maridos.”

Que chega a “ver”,  EN CANTO Á BESTA?

Bueno, é evidente que a percepción de Bela, con respecto a Besta, cambia radicalmente. Pasa de consideralo un monstro –non só no exterior- a consideralo un marido ideal.

Dáse conta de que, baixo toda esa apariencia física monstrosa, e toda esa rixidez,  posesividade e falta de inxenio, había un ser extremadamente bondadoso. E, finalmente, APRENDE que a BONDADE SUPERA á BELEZA e á INTELIXENCIA, é dicir, que, con respecto á Besta, acaba por VER MÁIS ALÁ DAS APARIENCIAS.


1.4.- GUSTARÍACHE  TER  UN  PAI  COMA  O  DE  BELA?


Reflexionemos sobre o carácter e o proceder do pai.

En canto ao carácter, a obra amósanos a un pai XENEROSO coas súas fillas… Pero, claramente, EN EXCESO: dúas das tres son extremadamente materialistas.

Ao mesmo tempo, amosa, tamén, FALTA DE LIDERAZGO, FIRMEZA E ECUANIMIDADE, xa que a dúas lles permite:

* Folgazanear -mentres a terceira filla se fai cargo de todo-.
* Queixarse constantemente.
* Falar mal da súa irmá.

Ademais, é COBARDE: acaba por aceptar que Bela vaia en busca da morte, a mans da Besta, para que el se salve; e procede de xeito pouco ecuánime, de novo, con ela, cando se nega rotundamente a que seus fillos varóns corran a mesma sorte.


           1.5.- EVOLUCIÓN  DA  RELACIÓN  ENTRE  BESTA  E  BELA.

A EVOLUCIÓN da relación entre os protagonistas non pode ser máis EXTREMA: ao principio, Bela cre que a Besta quere matala. Ao final do conto, quéreo máis ca a ninguén no mundo.




Pero, NON podemos falar de “FRECHAZO”, nin moito menos, en canto á percepción da intensidade e carácter dos seus propios sentimentos, xa que pasa de estar aterrorizada a considerarse amiga, e non se percibe a si mesma como amante da Besta, até o final.

Claro está que, para acadar o verdadeiro amor, é absolutamente necesario que sobreveña un cambio radical, en canto ás actitudes que se mantiñan previamente… Pero, isto non é doado! Aos comezos, iuxtapóñense as ansiedades da Besta –que teme que a súa parella non acepte a súa tosquedade- coas angustias desta, acerca da natureza brutal do noivo. E, claro, mentres un siga considerando ao outro como algo semellante a un animal, o outro conservará, en parte, esta mesma apariencia, tanto para si mesmo como para a súa parella.

Ao final, a devoción e o amor que a heroína sinte polo animal-noivo é a chave, para que este recobre a súa forma humana.

E como só se chegará a este final feliz, se a moza se namora verdadeiramente del, a besta trata de facer todo o posible, para acelerar o proceso, e para tentar descubrir apresuradamente que representa el, para ela. Pero, isto ten consecuencias negativas.

BELA É MANIPULADA, para que acepte a unión a un nivel que non desexa. Vexamos como:

Por unha banda, sendo AILLADA do resto do mundo, de xeito que o único contacto humano sexa con Besta.

Pola outra banda, sendo deixada na máis ABSOLUTA SOIDADE, agás uns curtos momentos de compaña, cada noite, cando recibe a visita –cada vez, máis positivamente agardada- de Besta.

Finalmente, tendo que SOPORTAR, noite tras noite, ser preguntada ao respecto dun posible casamento, coa conseguinte TENSIÓN que se desenvolve, tralas súas negativas: Besta acaba a noite enfadado, ou amosándose devastado. E Bela, culpable.




Soamente, cando Besta se volve AUTENTICAMENTE XENEROSO, e cambia de estratexia, deixándoa marchar, e non a indo buscar -pese ao que conleva, para el, o seu retraso-, é cando Bela troca nun ser realmente libre, que pode percibir até que punto necesita a Besta, na súa vida.
           
            
2.- O  CAMIÑO  DO  “COÑECEMENTO”.
                        
                  2.1.- SIMBOLISMO  DA  ROSA.
            


             A ROSA representa a VIDA:

* As ESPIÑAS representan os obstáculos, os momentos difíciles, o SUFRIMENTO.



* Os PÉTALOS representan a FIN DO CAMIÑO: o auténtico “COÑECEMENTO”, é dicir, a beleza, a bondade e a verdade acadadas.



                  2.2.- BELA  E  BESTA,  EN  RELACIÓN  Á  ROSA.

            Por que Bela desexa a rosa? Bela desexa a rosa, porque busca o auténtico “coñecemento”.

         Por que Besta custodia o xardín da rosa? Besta custodia o xardín da rosa, porque é o guardián do camiño do “coñecemento”. Só axudará a adquirir ese coñecemento á “persoa elixida”.


                   2.3.- OS  DOUS  OBXECTOS  MÁXICOS.

         No conto de A Bela e a Besta, aparecen dous obxectos máxicos: o espello e o anel. Cada un deles simboliza unha cousa, á vez que posibilita algo.

         O ESPELLO:


* SIMBOLIZA as ataduras ao mundano.
* POSIBILITA coñecerse a un mesmo.

         O ANEL:


* SIMBOLIZA compromiso, pero, en liberdade  (pódese poñer e quitar).
* POSIBILITA avanzar á nosa alma, se decidimos deixar atrás as nosas ataduras.


        
            2.4.- SIGNIFICADO  SIMBÓLICO DA  ESCENA  FINAL.



         Nun primeiro momento, partimos de:
                   * SUFRIMENTO de BESTA: síntese abandonado.
                   * SUFRIMENTO de BELA: remordimentos.

         Estas dúas intensas emocións levan á morte espiritual dos dous:
* MORTE ESPIRITUAL de BESTA: morre de pena, pero non culpa a Bela (sen rencor).
* MORTE ESPIRITUAL de BELA: síntese absolutamente desolada, ante a “morte” de Besta.

         A partir desta “morte”, Bela ALCANZA o “COÑECEMENTO”, e acepta casarse con Besta.

         Este paso dado por Bela supoñe a LIBERACIÓN e TRANSFORMACIÓN de besta en príncipe.



         Finalmente, ocorre a RESURRECCIÓN ESPIRITUAL dos dous, COMO UNIDADE.

  




No comments:

Post a Comment